Sunday 28 de April de 2024

A Corporación aproba por unanimidade iniciar o expediente de nomeamento de Pedro Pérez como Fillo Adoptivo de Boqueixón a título póstumo


Na sesión extraordinaria tamén se aprobou o convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia

A Corporación de Boqueixón celebrou onte un pleno extraordinario. Dada a súa coincidencia co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a sesión comezou coa lectura por parte do alcalde, Manuel Fernández Munín, dunha declaración institucional na que se ratificou a “repulsa do Concello a calquera tipo de violencia”, ademais de seguir apostando por accións de concienciación para “encamiñarnos a unha sociedade sen ningún tipo de discriminación”.
Unha declaración secundada dende o grupo da oposición, Veciñ@s de Boqueixón. O seu voceiro, Xabier Canabal, aproveitou a ocasión para salientar e felicitar “ao CIM polo labor que está a desenvolver e polas accións realizadas, como a II Xornada de Sensibilización celebrada o pasado día 14”.
Na sesión plenaria de onte deuse luz verde por unanimidade ao inicio do expediente para o nomeamento, a título póstumo, de Pedro Pérez como Fillo Adoptivo do Concello de Boqueixón. Unha iniciativa que vén a dar resposta a unha proposta realizada no padroado da Fundación que leva o seu nome.
O rexedor salientou a posta en marcha esta iniciativa, xa que “foi unha persoa que fixo un grande servizo á nosa veciñanza e que deixou un legado moi importante, a través do cal se outorgan unhas becas para estudantes das carreiras universitarias de Medicina e Veterinaria”. O acordo plenario contempla a creación dunha Comisión de Honras e Distincións que, no prazo de dous meses, presentará a proposta para o nomeamento de Pedro Pérez como Fillo Adoptivo de Boqueixón. Dita comisión está composta por 3 integrantes da Corporación municipal (que serán o propio alcalde; a edila popular, Ana Seijo, e o concelleiro de Veciñ@s de Boqueixón, Iván Eirís) e 2 funcionarios do Concello. Escolléronse persoas vencelladas á parroquia de Ponte Ledesma, precisamente porque o que fora veterinario do municipio residiu neste lugar.
Adhesión á APLU e posta en marcha do PACES
Por outra banda, o pleno extraordinario de onte deu luz verde unánime ao convenio de adhesión á Axencia Galega de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A través deste acordo, este organismo será o encargado de exercer as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción  restablecemento da legalidade urbanística, nalgunha das seguintes clases de solo: solo rústico ou non urbanizable, solo urbanizable ou apto para urbanizar, e núcleos rurais. Nesta delegación de competencias non está incluída a inspección, a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en
relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo Concello.
A Corporación tamén aprobou por unanimidade a posta en marcha do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) do Concello de Boqueixón, de acordo co Pacto dos Alcaldes. Deste xeito, adquírese o compromiso de realizar, cada dous anos, o informe de acción e seguimento sobre a implantación do PACES. Entre os seus obxectivos atópanse a redución de emisións de CO2; o incremento da eficiencia enerxética; o aumento do uso da enerxía procedente de fontes renovables; a elaboración dun inventario de Emisións de Referencia, e a realización dunha avaliación de riscos e
vulnerabilidades derivados do cambio climático.
Por outra banda, ratificouse (cos votos a favor do PP e a abstención de Veciñ@s de Boqueixón) a modificación da Ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo de Escola Infantil Municipal Raíña Lupa de Boqueixón. Deste xeito, adáptase a nova directiva da Xunta pola cal a matriculación do/a segundo/a fillo/a e sucesivos/as da unidade familiar será gratuíta.
O último punto da orde do día, relativo á aprobación do expediente modificado do POS+2020, contou cos votos a favor do PP e en contra de Veciñ@s de Boqueixón.